Outro curso que se foi, cada vez semella que máis rápido!
Outro curso de traballo, proxectos e problemas que solucionar. Toca agora recargar as pilas para vir con forza o curso que ven. Aos que vos quedou algunha para setembro pois…que vos imos dicir? A darlle, que o verán dá para todo!
Si! Nos premios convocados polo IES Pintor Colmeiro de Silleda acabamos de gañar o Videoghit á mellor interpretación vocal. Todos os parabéns do mundo ao grupo de 1º Bach que realizou o vídeo, especialmente á alumna Antía González, a voz principal na peza. E parabéns ao grupo de 4ºDIV do curso 2015 – 2016! Eles compuxeron Aínda que sexa un soño, unha canción moi chula, estupenda contribución ao escaso repertorio de pop adolescente en galego.
O noso recoñecemento tamén para o profe (de filosofía) Suso Sulleiro, que leva xa uns cantos anos organizando este certame centrado no audiovisual e na música na nosa língua. As cousas non saen da nada, saen do traballo duro e do compromiso de profesionais coma Suso. Para nós é unha verdadeira honra participar nesta iniciativa.
E non queremos esquecer tampouco darlles os parabéns aos demáis premiados, e a todos os participantes. Tedes toda a info aquí.
No Obradorio Músicasbarxas seguimos realizando actividades nas que temos moi en conta a diversidade funcional, queremos facer da inclusión unha característica esencial da nosa identidade e, con ese espíritu, facemos pública a versión con audiodescrición, para invidentes, da nosa premiada curta A lei da música.
Estupendo o traballo da directora e guionista Aitana Sanz e de Ruth Casteleiro, súa é a voz que nos leva a través da peza. Moitas grazas ao Departamento de galego do IES As Barxas, en especial ao profe Ricardo Maquieira, que revisou o texto.
A alumna Ruth Casteleiro, gravando a audiodescrición de A lei da música
Quizáis vos apeteza facer a proba, pechar os ollos e “ver”.
Xiana Casás, María Cancelas e Álex Táboas recollendo o galardón
Esta semana que pasou soubemos dun novo recoñecemento ao noso traballo. Esta vez o galardón foi para Inclusión, que recibiu o premio ao mellor video didáctico no V Certame Audiovisual do IES Montecarrasco.
O video, realizado dentro das actividades do grupo Saftas (Students Academy of FIlm and Theatre Awards), do Erasmus +, no que participamos, explica de xeito moi sinxelo conceptos claves para a convivencia na nosa sociedade e apoia a normalización en todos os aspectos da vida cotiá das persoas con trastorno do espectro do autismo.
María Cancelas e Xiana Casás realizando o video Inclusión
Unha ano máis gañamos o premio Olloboi, os “oscars” do audiovisual escolar galego. Esta vez fomos acreedores do Olloboi Zamburrioi, o especial da organización do certame, ao conxunto da produción que levamos adiante no IES As Barxas.
Parabéns tamén ao Departamento de plástica, co que compartimos isto tan ilusionante de “facer videos”.
De esquerda a dereita: Paula, Lara, Pedro, Nerea, Jesús, Yovanna, Lucía, Aitana, Ruth, María, Álex, Iria e Diego; o alumnado de 1º Bach que realizou A lei da Música
No Departamento de música do IES As Barxas acabamos de recibir a boa nova dun novo premio para un dos nosos traballos audiovisuais, o Cinedfest, certame de alcance nacional organizado pola Consejería de Educación, Juventud e Igualdad do goberno de Canarias (co patrocinio de moitas e importantes empresas privadas), concretamente o segundo premio na categoría de bacharelato, acadado pola curta musical A lei da música.
Escrita e dirixida pola alumna de primeiro de bacharelato Aitana Sanz, con música orixinal do seu compañeiro Álex Táboas, que foi gravada na mesma aula, A lei da música é un proxecto construido desde, sobre e para a música, cun argumento aparentemente sinxelo que nos serviu para aprender un montón de cousas relacionadas coa gravación e a edición do son. Imos dar unha voltiña pola curta desvelando algúns dos seus misterios.
A banda sonora soa ao longo de toda a peza, pero as cualidades do seu son varían en función da fonte e procedencia.
A primeira vez que oímos a banda sonora orixinal facémolo desde o despacho de José Luís Fernández, a música semella vir desde o piso de arriba. para iso eliminamos as frecuencias medias e agudas do rango audible polo oído humano, que podedes ver representado aí, á dereita, no ecualizador gráfico.
A continuación escoitamos a música no hall do instituto e editamos o son para que semelle provir duns deses altofalantes que se encastran nos teitos, que adoitan ter moi pouca presenza de frecuencias graves, que atenuamos agora no ecualizador.
Cando vemos que José Luís indentificou de onde ven o son, este aparece tal como está gravado, por iso deixamos a ecualización plana, respectando a gravación orixinal.
E cando escoitamos a banda sonora de Álex Táboas a través dos auriculares de Ruth Casteleiro e Diego Costa, facémolo eliminando todo o rango das frecuencias máis graves.
É interesante apuntar o feito de que a rodaxe fíxose “muda”. José Luís non escoitou a música en ningún momento, o que dá máis mérito aínda ao seu traballo! Ruth e Diego si a escoitaban nos seus auriculares, están bailando e bailar sen música como que non…pero o que escoitamos non saía dos seus reprodutores portátiles, a banda sonora introducíuse na posprodución.
Tamén axustamos a intensidade e direccionalidade do son; se ven da esquerda, por exemplo, teremos que percibilo máis desde o altofalante ou auricular esquerdo.
A escena final é unha verdadeira ficción sonora. Os pasos de José Luís, o son das portas abríndose, que se gravou aillado e logo introducíuse atendendo a súa procedencia, como podedes ver no recadro da dereita…mesmo o barullo dos rapaces, do que a maioría gravouse unha vez rodada a curta…un traballón!
Pois aí tedes o “making of”! Parece que todo o que vedes arriba foi percibido e valorado polo xurado do Cinedfest. A lei da música ten unha banda sonora orixinal estupenda, escrita e interpretada por un alumno, pero non ten un guión “dramático”, nin diálogos de ningunha clase, nin máis carga social que ser unha metáfora sobre a defensa da música no ensino e na vida en xeral, ou ese era o pretexto de Aitana, a autora do guión, pero no mesmo guión (e Aitana tiña clarísimo como tiña que ser tratada a música nesta curta) estaba agochado o misterio da edición de audio e como tratar ese tema de maneira didáctica.
Por iso quero dar moi sinceramente as grazas, por crear unha actividade perfecta, das que non se esquecen, e que eu disfrutei a tope como profesor de música.
Que impere a lei da música, si señor!!!
A entrega de premios será o 10 de xuño, na Gala Final Cinedfest 2016, nos cines Yelmo Meridiano de Santa Cruz de Tenerife.
O noso Queremos galego acadou o premio na categoría de Mellor canción orixinal neste certame cuxo obxectivo é fomentar a música en galego entre o alumnado do país. Os que estamos en contacto no día a día coa rapazada sabemos que ese é un obxectivo moi moi importante.
Moitos parabéns ao profe Suso Fernández, do Departamento de filosofía do Pintor Colmeiro, que é quen leva adiante estes premios, aos demáis galardoados e a tod@s @s participantes nesta iniciativa que hai que apoiar si ou si.