Outro curso que se foi, cada vez semella que máis rápido!
Outro curso de traballo, proxectos e problemas que solucionar. Toca agora recargar as pilas para vir con forza o curso que ven. Aos que vos quedou algunha para setembro pois…que vos imos dicir? A darlle, que o verán dá para todo!
Queres saber como foi o rock and roll dos anos 90? Pois dalle ao play a este video realizado polas alumnas Antía González e Marta Fernández; un repasiño en menos de tres minutos ao máis destacado da música popular urbana feita daquela.
Este video súmase aos outros dous que xa temos subidos na lista de reprodución correspondente, na nosa canle de youtube. Non lles quites ollo que veñen máis en camiño!
Unha ano máis gañamos o premio Olloboi, os “oscars” do audiovisual escolar galego. Esta vez fomos acreedores do Olloboi Zamburrioi, o especial da organización do certame, ao conxunto da produción que levamos adiante no IES As Barxas.
Parabéns tamén ao Departamento de plástica, co que compartimos isto tan ilusionante de “facer videos”.
De esquerda a dereita: Paula, Lara, Pedro, Nerea, Jesús, Yovanna, Lucía, Aitana, Ruth, María, Álex, Iria e Diego; o alumnado de 1º Bach que realizou A lei da Música
Mentras Queremos galego bate records de audiencia na nosa canle, con 2600 reproducións en 3 días, publicamos hoxe o videoclip Lle! Lle! Lle!, canción orixinal de Os Prinses, que non son outros que o grupo de 4ºESO AB.
Adicada á memoria do gran músico Prince, que faleceu o día antes de rodarmos, Lle! Lle! Lle! conta unha historia moi divertida entre un adolescente e o rock and roll.
Aí tedes a entrevista que, grazas á colaboración do EDNL Línguaquetraba do IES As Barxas, puidemos facerlle fai uns días ao director, guionista e actor Quico Cadaval, onde, a preguntas do alumnado do proxecto SAFTAS – Erasmus +, fai un repaso á sua traxectoria profesional e á situación do teatro e da cultura, en xeral, no noso país.
Estupenda tamén a música da cabeceira que compuxo e gravou o alumno Álex Táboas.
“The students from the Erasmus + project are working on the traslation of the interview so that we can share it with our European colleagues.” (Como ben di a compañeira do proxecto SAFTAS Palmira Calvar).
Dentro das actividades programadas para o proxecto SAFTAS, do Erasmus +, temos as de realizarmos encontros con persoas relevantes do mundo do audiovisual e do teatro, para aprender e termos así unha achega de primeira man, para saber e ser verdadeiramente conscientes do que pasa aí, fóra do insti.
Hoxe tivemos o pracer de entrevistar ao director, guionista e actor (entre moitas outras cousas) Quico Cadaval e quedamos encantadísimos! Aí o tedes atento ás preguntas de Xeila Lago.
Realizado polo alumnado de 1ºBACH, Inclusión é un video co que nos sumamos á tarefa de dar visibilidade ao Trastorno do espectro do autismo, que ten no día 2 de abril a súa cita anual máis importante.
Con este traballo intentamos explicar, de xeito sinxelo, conceptos claves que teñen que ver coa convivencia e co respecto ás persoas, a través das que teñen diversidade funcional, inmersas, xunto ás súas familias, nunha loita para que as administracións e a sociedade, en xeral, sexan quen de garantir a atención que faga efectivos os seus dereitos que, ao final, son os de tod@s.
Este é un proxecto dos Departamentos de música e inglés do IES As Barxas, e forma parte das actividades que desenvolvemos dentro do proxecto do Erasmus + SAFTAS, e foi presentado en Nápoles o 17 de marzo pasado.
Para alcanzar a Inclusión plena é precisa a participación de tod@s.
Alessia, Margherita, Corina e Sabrina cantando o día da recepción de benvida aos membros do Erasmus + no Istituto Superiore Gentileschi de Nápoles
Fai falta máis ca un post para falar de toda a experiencia que vivimos esta semana pasada en Nápoles.
Non só traballamos no medio audiovisual, creamos e compartimos contido co profesorado e co alumnado dos 5 centros europeos comprometidos no proxecto SAFTAS (Students Academy of Film and Theatre Awards), do Erasmus +, se non que ademáis convivimos moi estreitamente con moi boa xente, con persoas moi comprometidas co ensino, en especial coa comunidade educativa do Istituto Artemisia Gentileschi, que xa é tamén o noso insti.
De alí traemos lembranzas, novos proxectos e material novo que iremos integrando na produción do Obradoiro Músicasbarxas, como Ricordi d´estate, unha canción orixinal que escribimos e filmamos ali mesmo coas alumnas Federica Longobardo, Sabrina Parisi, Margherita Grasso e Alesia Russo, que son xa, por dereito propio, compoñentes do noso proxecto de ensino da música en secundaria.
Escoitámolas cantar o día da recepción de benvida e dábanlle tal xeito que pensamos que quizáis elas poderían conformar un equipo de creación de banda sonora orixinal para os proxectos audiovisuais do seu insti, onde non hai Departamento de música.
O tema da música é sempre un “problema” para o audiovisual escolar; non se poden empregar pezas con copyright e normalmente recórrese a plataformas de descarga de música con licenza tipo creative commons como jamendo. Esa opción é completamente lexítima pero é moito máis interesante que alumnado e profesorado teñan a oportunidade de crear ese contido. Completa o proceso produtivo e abre vías de colaboración entre departamentos. Así que, cando as rapazas remataron de cantar aquelas cancións tan chulas que coreaban os seus compañeiros e profes, falamos con elas para felicitalas e para preguntarlles se tiñan algunha canción escrita de seu. Dixeron que non, que iso era moi difícil.
Quedamos un día, con só un par de horas para producir algo, pero estabamos seguros de que tiñan o preciso para escribir unha canción: voces, unha guitarra e…criterio! Unha ben nutrida librería de cancións na súa cabeza que lles ía axudar para saber se estabamos facendo “o correcto”.
E saíu! Aí a tedes no video de embaixo. As alumnas escolleron un punto de partida dos que lles ofreceu o profe e de aí foron tirando do fío, levadas pola intuición e por un saber facer que nin elas mesmas eran conscientes de ter.
Estupenda tamén Aitana Sanz coa cámara, na canción que forma parte xa da banda sonora das nosas vidas. Federica, Sabrina, Margherita, Alesia, Corina e todo o alumnado saben que poden escribir cancións e contribuir, facendo o que lles gusta, a que o noso proxecto sexa máis interesante, mellor! Pero máis importante aínda: a súa canción, Ricordi d´estate, soa nos seus reprodutores de mp3 xunto ás dos seus heroes, que agora son moito menos inalcanzables.